
1. Que é HTML?
HTML (HyperText Markup Language) non é unha linguaxe de programación, senón unha linguaxe de marcas.
Funciona mediante etiquetas (como <h1>, <p>, <a>) que serven para indicarlle ao navegador que tipo de contido está procesando. O navegador “lee” ese código e sabe que unha frase é un título, que outra é un parágrafo e que un elemento concreto é unha ligazón a outra web.
2. Para que serve?
A súa única función é estruturar e dar significado ao contido.
- Define a xerarquía: indica cal é o título principal (
h1), cales son as seccións (section) ou o pé de páxina (footer). - Crea a base: sen HTML non habería nada que mostrar. É a base sobre a que se asenta todo o demais.
- Accesibilidade: permite que ferramentas como os lectores de pantalla para persoas cegas entendan que hai na páxina.
3. Que é CSS?
CSS (Cascading Style Sheets) é a linguaxe de estilos.
Unha vez que o HTML ten o contido colocado, o CSS entra en xogo para dicir como debe verse. Sen CSS, todas as webs serían texto negro sobre fondo branco con ligazóns azuis.
Co CSS controlas:
- Cores e tipografías: o deseño visual.
- Disposición (Layout): onde se coloca cada elemento (se vai á esquerda, á dereita, se flota, etc.).
- Adaptabilidade (Responsive): que a web se vexa ben tanto nun móbil como nun ordenador.
- Animacións: movementos e efectos visuais.
Se queremos contruír a nosa web, podemos comparalo con construír unha casa e teríamos a seguinte analoxía:
- HTML: son os planos, os ladrillos e as vigas. Define onde vai a cociña, onde os baños e cantas ventás hai. É a estrutura.
- CSS: é a pintura, o tipo de chan, as lámpadas e os mobles. É a estética.
- JavaScript (o terceiro elemento): sería a instalación eléctrica e a fontanería. O que fai que as cousas “funcionen” (que as luces acendan ou que a auga saia ao abrir a billa). É o comportamento.

Deixa unha resposta